Opinión

A normalidade de antes

[Xesús M. Piñeiro]

Após o ‘impasse’ do curso 2020/21, marcado pola pandemia, volven os fechamentos de aulas e supresión de profesorado nos centros de ensino galegos. Así o denuncian sindicatos, docentes e asociación de nais e país. Haberá para o vindeiro curso peche de aulas e supresión de profesorado no mínimo nunha trintena de colexios. Unha cifra que se engade aos máis de 200 centros que tiveron que botar o fecho na última década na Galiza. Entre a comunidade escolar sinalan os criterios da Xunta como responsábeis do fechamento das unitarias, un modelo que defenden pola calidade do ensino e pola súa implicación na súa propia contorna. Os sindicatos do ensino, aliás, enmarcan o fechamento de unitarias, así como a eliminación de unidades e recortes no profesorado, nunha política da Consellaría contra o ensino público. Unha vez mais, recórtase o cadro de persoal docente, suprímense os desdobres e masifícanse as aulas, no que é unha volta á ‘normalidade’ de antes da pandemia da Covid. Esa normalidade na que o ensino público minguaba curso tras curso e que  o Goberno galego teima en manter.

Comentarios