Opinión

Non rían que o conto é triste

[Xoán Costa]

A propósito de “yo quiero una noria”.

Editorial de dous lances á maneira de Cousas.

Lance I.

Érguese o pano. Unha rúa dunha cidade galega. Á dereita e á esquerda comercios fechados. Nun banco un grupo de persoas lamenta a súa situación. Din cousas como que levan meses sen ingresos. Ditos paifocos de xentes angurentas e cobizosas que pensan que non ter traballo é unha grande desgraza. Actúan de forma choqueira para que estoupen de risa os do patio de butacas. E cando se farten de rir os señoritos, baixa o pano.

Lance II.

Érguese o pano. Unha rúa da mesma cidade. No centro, detrás dunha roda, o alcalde. A roda é a mostra dos dez millóns de luces LED que iluminarían varias ducias de rúas e prazas. O alcalde di cousas como que Nova York ou Londres procurarán os referentes da iluminación de Nadal na súa cidade. E de repente anuncia o seu máis íntimo desexo: “Yo quiero una noria”. Actúa de maneira que estoupan de risa os do galiñeiro. E cando se farten de rir, baixa o pano.

Cantas Cousas podería escreber hoxe Castelao.

Comentarios