Opinión

Non nos entenden, non

[María Obelleiro]

Unha mesa de debate sobre a noite electoral, nos medios de comunicación públicos, sen xornalistas de medios galegos. Así deseñou a CRTVG o tratamento informativo após o fechamento dos colexios o 12-X. A exclusión nos faladoiros da radio e da televisión pública galega do total dos xornais publicados exclusivamente no idioma propio da Galiza foi aínda máis evidente o domingo, cando comparecían representantes de diversos medios publicados na capital do Estado sen reparar nas liñas editoriais, máis á dereita ou máis á esquerda.

A elección dos medios participantes está clara: uns e outros, con maior ou menor entusiasmo, pronunciáronse durante a precampaña e a campaña sobre Feixoo, valorizando a súa xestión á fronte da Xunta e mesmo enxalzando un suposto talante democrático, en contraposición co seu xefe de filas, Pablo Casado. Resultou rechamante como a esquerda madrileña se apuntou a ese discurso favorábel a Feixoo e como continúa a analizar os resultados electorais sen ter en conta a dinámica propia da Galiza, á vez que envía consellos cheos de paternalismo a unha sociedade, a galega, situada, segundo eles e elas, en posicións reaccionarias. 

Comentarios