Opinión

Non é lacra, é patriarcado

[María Obelleiro]

Chegamos a outro 25-N, e máis unha vez é imprescindíbel facer fincapé no elemento estrutural que reproduce a violencia contra as mulleres, que non é ningunha lacra nin ningunha pandemia. Falamos do patriarcado, un sistema social que xerarquiza os xéneros e que se basea na desigualdade de poder entre homes e mulleres. Eis a razón estrutural da violencia machista en todas as súas formas. O feminicidio é a mostra máis extrema desa violencia que exercen os homes sobre as mulleres, mais viste múltiples facianas e ás veces esquecemos as máis sutís, as menos evidentes. Esa violencia que os homes usan para amosaren o seu poder, para humillar e aniquilar as mulleres, nútrese de recursos que van desde o amor romántico ao teito de cristal e aos coidados. Por iso, cómpre impregnarmos as políticas públicas de perspectiva de xénero e facelo de forma desacomplexada. Cómpre que se parta da base de que as mulleres viven en discriminación a respecto dos homes, pois só así conseguiremos avanzar na igualdade e na xustiza social e rachar coas asimetrías.

Comentarios