Opinión

Non é caridade

[María Obelleiro]

A crise derivada da pandemia continúa a agravar aínda máis a situación precaria que sufrían millares de persoas na Galiza como consecuencia da gran recesión de 2008. Desde marzo, a demanda nos bancos de alimentos incrementouse entre 20 e 50%. Ademais a desigualdade é cada vez maior. Así o evidencian os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), que tamén pon de manifesto a caída dos salarios e o incremento da fenda salarial a respecto do conxunto do Estado español.

Os bancos de alimentos non poden substituír o labor das administracións públicas. Rachar coa desigualdade e axudar as familias en exclusión social compételle ao Goberno galego e non a organizacións benéficas e a persoas voluntarias. Nestes momentos, a Xunta ten que dotar as administracións locais de recursos económicos co fin de poder facer fronte á situación de vulnerabilidade que sofren millares de persoas. É agora cando hai que afortalar a rede de protección social para situar os dereitos sociais por riba da caridade e da beneficencia.

Comentarios