Opinión

No abandono

[María Obelleiro]

Estremecen os testemuños de familiares de persoas usuarias das residencias de anciás e os do persoal, na súa meirande parte precarizado, que as atende. Como é posíbel que coa cantidade de reclamacións presentadas con anterioridade ao estoupido do coronavirus non se investigasen a fondo os centros de maiores? As cifras de usuarias e traballadoras infectadas -aínda sen tests en todas as residencias a estas alturas malia falarmos do principal sector de risco na poboación- evidencia a dimensión dun problema que ten responsábeis, a comezar pola propia Xunta da Galiza, que debe velar non só polo benestar das persoas maiores nas residencias públicas, senón tamén nas privadas.

A apertura dun expediente non é dabondo á vista dos graves feitos que denuncian quen coñecen o funcionamento destes centros, nomeadamente dos que actúan máis como un negocio que como un servizo para os anciáns. Á clamorosa falta de transparencia e á confusa xestión da cifra de falecementos súmase unha inacción por parte do Goberno galego que roza o neglixente. Até cando vai manter sen intervir a rede de residencias privadas?

Comentarios