Opinión

O nexo Galiza-Melilla

[María Obelleiro]

A axenda mediática estatal, e tamén de boa parte dos medios que se editan na Galiza, refírense estes días á rede de fraude electoral en Melilla. Unha cuestión que leva a voltar a ollada atrás e a aquela primeira vitoria de Fraga en 1989, que conseguiu, un día despois das eleccións, tras o reconto “anómalo” do voto dos residentes ausentes.

Mentres os mariñeiros embarcados e migrantes que levaban anos vivindo na Galiza non podían votar, os mortos do censo de residentes ausentes (CERA) podían emitir a súa papeleta desde o alén, había quen votaba dúas veces e quen cobraba por votar -en 2020, nunha entrevista na Radio Galega, un músico fillo de emigrantes confesaba: “Pagábanche 50 dólares por ir votar e votamos todos a Fraga”-.

O voto rogado, aprobado en 2011, endureceu as condicións para as persoas inscritas no CERA, coa conseguinte abstención. Tras a supresión deste mecanismo en setembro de 2022, augúrase, de cara ás eleccións estatais e galegas, unha maior participación nas case 470.000 persoas que fan parte do CERA e que representan o 17,5% do total do electorado. En todo caso, é hora de que se extremen as medidas de control e se dote de transparencia o sistema do voto, pois o acontecido en Melilla supón o cuestionarmos as bases mínimas do proceso democrático.

Comentarios