Opinión

Nepotismo

[Xesús M. Piñeiro] 

O Tribunal Supremo non admitiu a trámite o recurso presentado pola Xunta contra a sentenza ditada polo TSXG en 2018 que falaba de "nepotismo" na creación e adxudicación dunha praza da Consellaría de Educación para a cuñada dun alto cargo do PP. O tribunal pon así o ramo a un conflito que durou catro anos e que comezou coa creación dunha praza inexistente na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra para "colocar" unha funcionaria docente con destino en Asturias e cuñada de Susana López Abella, naquel momento Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta e agora cesada para concorrer polo PP nas eleccións do 5 de abril por Lugo.

Para a CIG, quen promoveu a denuncia deste caso, favoreceuse unha docente que doutra forma non podería obter destino na Galiza ao non existir prazas da súa especialidade en ningún centro educativo. Hoxe, a persoa beneficiaria desa praza é directora do Mupega (Museo Pedagóxico de Galiza)  por libre designación. Sobran, pois, motivos e razóns para que alguén asuma responsabilidades.

Comentarios