Opinión

Negocios que esquilman

[Alberte Mera]

A Iberdrola comandada por Ignacio Sánchez Galán, amigo de Núñez Feixoo, de cuxa relación fica como entrañábel proba gráfica a aperta na que se fusionaron no día da súa investidura como presidente da Xunta da Galiza, irá a xuízo.

O motivo é dos máis vergoñentos que pode haber para un empresario, sobre todo para esa clase de "homes de negocio" que enfatizan ter logrado o seu nivel de vida polo seu traballo. Desta volta, o xuíz da Audiencia Nacional española vén de abrir xuízo oral contra Iberdrola Xeración e catro directivos ao considerar que en 2013 a empresa "ideou e puxo en funcionamento un sistema para incrementar o prezo da enerxía que vendía" para "provocar unha suba do prezo da enerxía eléctrica e prexudicar" as consumidoras e consumidores.

Dicía Patricia López nunha entrevista outorgada a este xornal que as cloacas tiñan a súa pata empresarial. O certo é que a Xustiza arquivou en maio a causa contra Galán por falsidade documental e suborno en alianza con Villarejo por prescrición dos delitos, non por se lle declarar inocente. E así, Galiza produce e produce, en concreto conta cunha capacidade de xeración de 1.558 megawatts á hora e 13 encoros a nome de Iberdrola, empresa que se enriquece da enerxía que produce Galiza e do seu deterioro ambiental mais que tributa en Madrid. Negocios redondos, menos para Galiza. 

Comentarios