Opinión

Negacionismo

[Alberte Mera]

Ficaron claras as intencións da ultradereita española e o seu candidato á Presidencia do Goberno estatal, Ramón Tamames, nada máis comezar o economista o seu discurso: preservar a unidade da nación española, "a autodeterminación non existe" porque, dixo, o Congreso afirmou que esta non existía cando a levou a debate Euskadiko Ezquerra, e Pedro Sánchez non é o maior problema senón o seu "Goberno Frankenstein", con ministros, dixo, que poñen en cuestión a Transición e sobre todo, por depender de formacións nacionalistas que teñen máis representantes dos que a Vox lle gustaría. Tan inamovíbeis para mudar a lexislación e abrirse a recoñecer algo tan básico como a plurinacionalidade existente no actual Estado e tan bravos para clamar por unha reforma electoral que penalice as formacións nacionalistas ou territoriais e mesmo as expulse do Congreso.

Precisamente a moción de censura do ultraespañolismo comezou a ser debatida no Día da Poesía. Sirvan estas liñas para reivindicar as letras galegas, as poetas actuais e a fundacional da literatura galega, Rosalía de Castro, como fonte de inspiración, concienciación social e amor polo país para erguer diques contra o negacionismo, ese posfranquismo que nega Galiza, a lingua galega, os dereitos das mulleres e das persoas LBGT, os dereitos humanos e o dereito a un traballo e vida dignas. 

Comentarios