Opinión

Navalladas de onte e hoxe

[Alberte Mera]

Informaba onte este xornal tanto na súa edición impresa como dixital do falecemento do pioneiro do cinema militante, o valenciano Llorenç Soler, que deixaba este mundo aos 86 anos, após unha intensa vida recollendo e comunicando loitas xustas dos pobos.

Nado en València e finado en Barcelona, Llorenç foi un fiel amigo da Galiza, chegado en 1976 ao país. Desa relación coa Galiza naceu Autopista: unha navallada á nosa terra (1977) sobre como a autovía estragaba a forma de vida de labregos e labregas e sobre o beneficio empresarial e do poder institucional. Seguiron outros documentarios, O monte é noso (1978), contra o caciquismo e a emigración por mor da destrución do monte e da desaparición das terras mancomunadas. 

Títulos, loitas e temáticas recollidas pola mirada de Soler e que a día de hoxe seguen de actualidade. As navalladas na terra dos viarios (alén de navalladas ao peto no caso das portaxes) seguen a erguerse sen coidar do medio, así como as navalladas no monte, mar e ríos, ante as que volta outra vez o lema de 'O monte é noso'. Os recursos naturais da Galiza continúan a ser codiciados por empresas foráneas. Este xornal informaba onte dos 34 aeroxeradores que a madrileña Capital Energy quere erguer ante a ría de Vigo. Hoxe informamos da nova hidroeléctrica que a andaluza Magtel proxecta na lagoa das Pontes. Así seguimos.

Comentarios