Opinión

Mónica

[Xesús M. Piñeiro]

Mónica Marcos era muller, tiña 52 anos e foi asasinada, presuntamente, pola súa parella. Mónica tiña 2 fillos e rexentaba unha panadaría no barrio coruñés do Birloque. Unha veciña afábel, atenta; unha persoa "marabillosa", segundo a describían onte, ao saber do asasinato, veciños e veciñas.

A Mónica non a acoitelaron por ser afábel, ou quizás si. Nin por ser atenta, ter 52 anos, ser nai de 2 fillos ou rexentar unha panadaría. Ou quizás pode que tamén a matasen por todo iso. Mais a Mónica asasinárona por ser muller. Non é unha novidade. As cifras do feminicidio e da violencia machista están aí para quen non queira fechar os ollos.

O presunto asasino, a parella de Mónica, tiña antecedentes por violencia de xénero en relación a outras 2 mulleres. Un dato que, por arte de maxia, nunca falta quen o empregue para deitar sospeitas ou culpabilizar á propia vítima. En vez de empregalo para nos preguntar até que punto os machistas con antecedentes manteñen a súa rutina, a súa vida, a súa normalidade. 

Normalidade, esa é a palabra que nos debería aterrar.

Comentarios