Opinión

Mocidade endebedada

[Alberte Mera]

"Xeración perdida", soa a slogan recorrido e condenatorio. Porén, botando a vista atrás, a vida propia amosa que a xente que un coñecía cando estudaba atópase espallada polo mundo, un autobús, tren ou maleta que se colleu na altura de 2009 e seguintes anos coa chegada da Gran Recesión. A seguinte xeración moza sufriu a crise económica derivada da emerxencia sanitaria e a actual soporta a crise de prezos. Evidentemente, este panorama complica a capacidade de emanciparse da vivenda familiar e acceder a un piso de aluguer -moitas veces partillado pois os alugueres encareceron nas sete cidades galegas en 19% nos últimos catro anos, nun país ademais onde hai 3.000 pisos para aluguer fronte a 17.000 turísticos-. Máis complicado aínda é se esa emancipación pasa por unha compra de vivenda. Alfonso Rueda vén de copiar Díaz Ayuso na súa aposta por animar a mocidade a comprar vivenda, facendo a Xunta de aval de 20% da hipoteca perante o banco. Pedro Sánchez gustou desta iniciativa do PP e copia Rueda que copia Ayuso e fai a mesma aposta. Realmente o problema do acceso á vivenda pasa por avalar a mocidade para que se endebede até a xubilación co banco e mais co Estado? Non pasará por intervir os prezos do mercado inmobiliario creando vivenda pública e poñéndoa a prezos accesíbeis e marcando así un abano de prezos que garanta o dereito á vivenda?

Comentarios