Opinión

Unha mina de ouro regalada

[Alberte Mera] 

Non é de recibo que mentres as maiorías sociais están a padecer os efectos da suba dos prezos (10,8% de alza da inflación interanual no Estado español en xullo, segundo se avanzou onte, un dato que fica por baixo da última cifra coñecida da inflación na Galiza: 11,1% en xuño) multimillonarios e directivos de entidades bancarias protesten polo pagamento de impostos sobre os enormes beneficios que colleitan. É insolidario. A primeira en inaugurar as críticas ao gravame á banca foi a directora de Bankinter, entidade que gañou 271 millóns até xuño, 11% máis que no ano anterior. "Se hai 'resquicios' para non pagalo, loitaremos", espetou esta semana a directiva.

Onte foi Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca, quen se sumou aos críticos co imposto. O volume de negocio da entidade creceu este semestre 6,6% e superou por primeira vez os 110.000 millóns de euros, e mesmo subiu 61% as altas de clientes alén da Galiza. Porén, para Escotet, segundo dixo onte, o imposto aos intereses e comisións bancarias é "profundamente daniño para a economía" e dubida de que sexa legal.

Non é solidario o señor Escotet e moito menos consecuente. Non esqueza nunca que Abanca foi rescatada con cartos de todas as galegas e galegos (9.000 millóns) e mercada por apenas 1.000. Unha mina de ouro regalada baixo o Goberno de Núñez Feixoo.

Comentarios