Opinión

Militarismo

[Alberte Mera]

O mundo tínguese de violencia e a diplomacia e o diálogo parecen relegados a un segundo plano, ou terceiro, ou cuarto... A decisión do Estado español de aumentar o orzamento militar vai acompañada na Galiza dun incremento de manobras militares sobre a ría de Muros-Noia e mais na costa ferrolá. Exército do ar e naval que desfilan e practican sobre a Galiza enxalzando militarismo.

E no contexto da invasión rusa sobre Ucraína, os líderes da OTAN acordarán hoxe o envío de catro novos batallóns de combate no que denominan como flanco oriental: Eslovaquia, Hungría, Romanía e Bulgaria. A OTAN recoñece que busca reforzar as súas posicións de "defensa e disuasión", di, no leste europeo, ao tempo que admite que procuran tamén o seu afianzamento a longo prazo nesta zona.

Desde a cultura da paz, o antimilitarismo e a confianza no diálogo e a diplomacia como vía firme para a resolución dos conflitos, non parece que ampliar a presenza da OTAN nesta zona axude a camiñar cara á paz e á resolución dos conflitos. Ampliar a tensión, o militarismo e o orzamento para os exércitos tampouco parece o mellor dos camiños para un planeta adoecido de dor. Máis recursos para ciencia, saúde e loita contra o cambio climático, piden as persoas expertas. Fáganlles caso.

Comentarios