Opinión

Menos salarios, menos saúde

[Alberte Mera]

As galegas e os galegos temos salarios máis baixos que a media do Estado. É unha das conclusións que deixan os datos publicados onte polo Instituto Galego de Estatística. O salario bruto medio anual para Galiza en 2022 foi de 24.169 euros, isto é: 2.779 euros ao ano por baixo da media estatal. Euskadi fícanos lonxe: 32.313; moito máis para as 358.800 galegas e galegos cuxo soldo na Galiza está por baixo do SMI. Aliás a fenda de xénero segue sendo realidade: as mulleres galegas cobran ao ano 4.714 euros menos que os homes.

Nos anos seguintes ao estoupido da crise de 2008 falábase do "precariado", persoas con traballo precario e salarios de miseria. A cuestión é que os ricos son cada vez máis ricos e a clase traballadora máis pobre, e a Galiza máis empobrecida con políticas fiscais capitaneadas por Núñez Feixoo primeiro e agora Rueda Valenzuela para beneficio das grandes fortunas. É así a realidade, coas súas políticas de rebaixas fiscais para quen máis ten. É así tamén coas políticas que benefician a sanidade privada e precarizan a pública.

Por primeira vez na serie histórica a Galiza é a última comunidade do Estado en investimento en servizo públicos fundamentais e por primeira vez en 10 anos o Madrid de Isabel Díaz Ayuso adianta Galiza en investimento sanitario. Rueda é o primeiro en deixar Galiza de última.

Comentarios