Opinión

Menos hipocrisía

[Xoán Costa]

Sempre que unha situación excepcional nos atinxe como colectividade, como é agora o caso deste andazo que modifica a nosa forma de nos relacionar socialmente, salta aos medios de comunicación esa parte máis escura do sistema que sabemos que está aí todos os días mais que preferimos ignorar.

Desta vez tocou con esas entidades eufemisticamente denominadas residencias de maiores. O Goberno decidiu encomendar o control destes centros, na forma que sexa necesaria, á UME e, a modo de primeiro parte de guerra, a Ministra de Defensa acende o lume ao facer declaracións para un programa rosa: "O Exército puido ver anciáns, maiores, absolutamente abandonados, cando non mortos nas súas camas". E a Fiscalía anuncia que verá con lupa todas as residencias do Estado dado que existen probas de que había persoas residindo en situacións extremas e pésimas condicións de salubridade. E digo eu, se existen probas, onde estaba a lupa da Fiscalía antes? Con crise ou sen ela, a hipocrisía do sistema segue intacta. E a privatización de servizos, tamén.

Comentarios