Opinión

Menos é máis

[Xesús M. Piñeiro]

O curso 2021/2022 principiará con menos aulas e profesorado ao retomar a Consellaría de Educación a folla de ruta da última década e que só ficou aparcada no curso que rematou en xullo, marcado pola pandemia de coronavirus.

Menos profesorado, menos aulas e tamén menos centros, pois a Xunta tamén contempla botar o fecho a colexios (Begonte, Pino do Val...). “Faremos o que teñamos que facer”, afirmaba o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. E fan, claro, o que levan facendo nestes anos: recortar.

Que se volva optar polas tesoiradas nun curso, 2021/2022, que todo indica que tamén estará marcado pola pandemia, cando aínda hai incertezas sobre como se pode desenvolver o mesmo; e sen ter presente as necesidades de alumnado e profesorado; apunta a unha teima da Xunta por aplicar un roteiro que moitos sinalan como “esgotado”.

A Consellaría semella crer que o de “menos é máis” é unha fórmula óptima para aplicar ao ensino público galego. Menos aulas, menos profesorado, menos colexios. A realidade, teimuda, insiste que non o é. Deberían escoitala.

Comentarios