Opinión

Meninas e Guernica

[Xoán Costa]

No día da súa onomástica o presidente Sánchez fixo unha festa á que convidou todos os seus amigos. Na festa houbo comida e visita cultural. E fotos moi ben escollidas. Nunha delas observamos, retratada por Velázquez, a familia de Felipe IV, tamén coñecido como As meninas, un cadro do que Luca Giordano, autor dos frescos do mosteiro de El Escorial,  dixo  que representaba a teoloxía da pintura. 

Nese contexto, un numeroso grupo de dirixentes políticos encenan o Concepto Estratéxico para a Alianza, que substitúe o de Lisboa de 2010 e supón a  nova teoloxía da OTAN que define Rusia como a ameaza mais significativa para os aliados e, xa que estamos, di algo da China, pero sen ofender, non vaia ser que Rusia corte o gas e a China nos prive do resto. Todo moi visual, como corresponde a estes tempos, e con música chegada de Kiiv. A familia de Felipe IV pintada por Velázquez observada pola familia de Felipe VI.

Foi ben bonita a festa do presidente. Pena non faceren a foto a uns centos de metro do Prado, diante do Guernica 
de Picasso.

Comentarios