Opinión

O maxisterio de Agustín

O falecimento de Agustín Fernández Paz provocou unha enorme conmoción na cultura galega por ser unha figura de enorme valor literario e tamén de extraordinario poder simbólico. A súa bonhomía, o seu compromiso coa lingua do país, a súa independencia a respeito do poder político (que o levou a rexeitar en 2010 o Premio da Cultura Galega para testemuñar a súa oposición ás políticas galegófobas da Xunta de Feijóo) e a grande calidade da súa obra, unha das máis vendidas e traducidas da nosa literatura, facían, fan, de Fernández Paz un referente indiscutíbel do mellor que ten producido a cultura galega nas últimas décadas.

Mais á tristura que produce a súa morte hai que unir tamén certa indignación ao comprobar como o seu óbito foi tratado por parte da maior parte dos meios de comunicación de masas deste país. A despeito da evidencia do enorme cariño que se lle profesaba a Agustín no seu país -e mesmo fóra, como refrenda o feito de se ter tornado en trending topic na rede Twitter en todo o Estado- os meios hexemónicos outorgaron á noticia do seu falecimento un tratamento non superior, e mesmo en ocasións inferior, á recente nova da concesión do premio Princesa de Asturias ao escritor norteamericano Richard Ford.

Á tristura que produce a súa morte hai que unir tamén certa indignación ao comprobar como o seu óbito foi tratado por parte da maior parte dos meios de comunicación de masas deste país

O retrato que nos deixa isto é a imaxe dun país distorsionada por uns meios de comunicación de masas que continúan a afondar na inferiorización do propio, na secundarización das nosas figuras centrais. Sempre temos que estar en segundo plano e mesmo cando falamos de escritores que exercen o seu maxisterio non só na Galiza, senón que teñen unha proxección claramente internacional (a obra de Fernández Paz, non o esquezamos, foi traducida para 16 linguas).

En todo caso, o legado de Agustín non é o da resignación e o do pesimismo, senón o do talento e o traballo para levantar unha magna obra entregada á literatura e a lingua da Galiza. Sírvanos de exemplo para continuar a pelexar pola dignificación da nosa cultura e dos seus principais referentes, aqueles que nos fan sentírmonos orgullosas e orgullosos de facermos parte desta nación.

Comentarios