Opinión

Os marcos do franquismo

[Xoán Costa]

No mes de agosto de 1936 o franquismo chantou os marcos que ían condicionar a forma de vida de millares de persoas durante os anos seguintes. Daquela non se sabía cantos mais axiña soubemos que moitos e a morte, os asasinatos, as violacións, os xuízos farsa e o apoio entusiasta da hierarquía eclesiástica foron os piares en que asentou ese rexime que tiña o terror como primeiro principio de actuación. O franquismo practicou con Galiza e co galeguismo a mesma política de aniquilamento que Hitler practicou cos xudeus e a súa querencia neroniana polo terror como forma de goberno permítenos asegurar que foi, o franquismo, un rexime terrorista.

Pasaron oitenta e seis anos desde aquel agosto do 36 mais aqueles marcos seguen a delimitar a nosa forma de viver a día de hoxe. Nas cunetas continúan millares de corpos sen identificar, e, mentres tanto, os herdeiros do ditador, familiares de sangue uns e de ideoloxía outros,  con cargos ou sen eles nas Institucións, viven tranquilos vendo como os marcos do franquismo permanecen inquebrantábeis.

Comentarios