Opinión

Máis debates

Máis unha vez o debate que tivo lugar na noite de onte na CRTVG evidenciou a necesidade de que se retransmitan pola televisión e radio públicas máis encontros en que os candidatos e candidatas poidan expor e discutir as súas propostas. Sobre todo, despois da cobertura partidista durante as semanas en que Galiza viviu baixo o estado de alarma, cun Feixoo que compareceu en directo máis de 40 veces sen ter en fronte ninguén da oposición. O seu era que a CRTVG, como corporación pública, actuase en función dos intereses da sociedade galega e non do presidente da Xunta da Galiza e habilitase mecanismos para ofrecer unha cobertura informativa máis ampla e plural. Non é de recibo -e menos nunha campaña electoral tan insólita como a presente- que os medios públicos liquiden a cobertura cun só debate que, lembremos, non debe ser unha concesión dunha forza política, senón un dereito das e dos electores. Ademais de permitir comparar as diferentes propostas, os debates, que concitan un grande interese, desenvolven unha función pedagóxica e resultan de utilidade para quen non decidiu o seu voto. E na Galiza, segundo as enquisas, todo está aberto.

Comentarios