Opinión

Máis análise en ‘Nós’

[María Obelleiro]

O décimo aniversario de Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, está próximo a ter lugar e queremos celebralo introducindo melloras no medio. Unha delas poñémola hoxe en marcha: un foro de debate en relación ao modelo enerxético que a Galiza precisa, cun artigo da investigadora e profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela Rosa Regueiro. Nos próximos días outras persoas expertas no sector debullarán o sistema enerxético desde o punto de vista económico, mais tamén xurídico, social e medio ambiental. 

Este foro, que se estenderá até o 6 de abril, representa o punto de partida de novas colaboracións diarias de persoas especialistas en diferentes ámbitos da actualidade que contribuirán a explicar a realidade galega desde diferentes prismas, fornecendo a lectora e o lector da documentación e antecedentes necesarios para que poida formarse a súa propia opinión. Co reforzamento da análise, e da man de nomes autorizados en diferentes campos do saber, trataremos de ofrecer unha visión contextualizada do que sucede, coa ollada posta no futuro, para avanzar as grandes liñas do que pode suceder. Máis información, e máis análise en Nós Diario.

Comentarios