Opinión

Luz

[Xesús M. Piñeiro]

A suba da luz nestas semanas, e en plena vaga de frío, volve situar no centro do debate o sector eléctrico no Estado. Un sector que, canda o da construción e o bancario, é un dos principais lobbies de poder que existe no Estado español. Os consellos de administración das grandes empresas eléctricas teñen en nómina non poucos ex ministros e ex cargos públicos, tanto do PP como do PSOE. E entre eles, non faltan nomes galegos.

E a suba da luz destes días volveu traer (se algunha vez marchou) o debate sobre a necesidade dunha tarifa eléctrica propia para Galiza. Exportamos por volta de 40% da electricidade que aquí se xera, somos transformadores de enerxía primaria en electricidade para fornecer desta ao Estado. Sufrimos o impacto desa actividade sen compensación nin beneficio.

Seguimos presos dese concepto de tarifa eléctrica única para todo o Estado imposta por Franco en 1951. Esta anomalía do Estado español (unha tarifa única para todo o Estado) non é a norma común. Aí están Alemaña, Suíza ou o Reino Unido, por citar tres exemplos, onde hai tarifas diferentes en función dos territorios.

Comentarios