Opinión

Un lugar onde descansar

[Alberte Mera]

Adoita ser recorrente a confusión entre o Día de Todos os Santos, 1 de novembro; e o Día de Defuntos, hoxe, 2 de novembro. Hai quen pensa que o de hoxe foi onte. Aínda que moitos xa foron en Todos os Santos a recordar os seus seres queridos aos cemiterios, outras irán na xornada de hoxe. Porén, hai quen non o pode facer con todos os seus, porque continúa a descoñecer onde están os restos dos seus familiares. A represión franquista que en 1936 e anos sucesivos se cebou coa poboación galega deixou centos de foxas comúns no país por abrir. Porén, os traballos de recuperación e reparación das vítimas que fican por diante non se ven recollidos nos Orzamentos da Xunta da Galiza para 2023, desouvindo mesmo o acordo unánime do Parlamento galego sobre a importancia de proseguir coas accións dirixidas a recuperar e dignificar a memoria das vítimas da represión exercida na Guerra Civil e durante o franquismo, eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos, así como a colaborar na identificación dos desaparecidos e soterrados en foxas comúns durante a ditadura franquista.

A oposición xa anunciou que presentará emendas ás contas para que se incorporen partidas para tal fin. Por xustiza, o Goberno de Rueda debería incluílas e non continuar con esta dor e inxustiza. 

comentarios