Opinión

Luces, poucas

Non hai como ver como en pleno agosto hai quen decide iniciar a instalación de miles de luces para o Nadal para comprobar que alguén, a pesar de miles de leds e bombillas, mostra nisto ter poucas luces. Vigo e Ourense lánzanse á carreira na procura de titulares e espazo en informativos, redes sociais e onde sexa. Sen se abochornar, os respectivos alcaldes anuncian que o nadal xa está aquí e a moitos dos seus veciños e veciñas aluméaselle a cara, mais de arroibarse.

Rexedores peculiares, alcaldes ‘estrela’ para dúas cidades que non atravesan precisamente o seu mellor momento. Dous eixos sobre os que debería pivotar, en sintonía e sinerxia, o sur da Galiza e que baixo os actuais bastóns de mando optan por ‘se fortificar’ cada unha allea ao seu redor e por ignorarse.

John Steinbeck dixera aquilo de que “cada cidade difire de todas as demais: non hai dúas parecidas”, mais Abel Caballero e Gonzalo Jácome semellan gostar do mesmo modelo de cidade, e non só no relativo ás présas por adiantar o Nadal. Unhas cidades á súa semellanza.

Comentarios