Opinión

'Lo del gallego'

[María Obelleiro]

Semella que en lugar de progresar, retrocedemos, cando menos a respecto dos dereitos lingüísticos. A xa de por si cativa lexislación lingüística non se cumpre e, por tanto, as persoas galegofalantes seguimos sen poder facer a nosa vida no idioma que nos é propio. Recollemos hoxe en Nós Diario as declaracións da parella de Vigo que para casar no rexistro civil ten que facer uso dunha tradución simultánea do español ao galego. A escusa: que as maxistradas non son galegas. A consecuencia: ser estranxeiros na propia terra.

Tamén nos facemos hoxe eco dun novo desagravio que sofre o idioma propio da Galiza no ensino. O Goberno de Alfonso Rueda non exixe a acreditación obrigatoria e oficial do coñecemento do galego no concurso de méritos que dá acceso a unha das 1.156 prazas convocadas pola Consellaría de Educación. En cambio, para quen concorra ao concurso sen posuír a nacionalidade española é de obrigado cumprimento contar cunha titulación de castelán. As bases recollen que as persoas que non poidan acreditar o coñecemento do galego cun título terán que realizar unha proba eliminatoria, mais o normal sería que tamén se exixise un título do idioma propio da Galiza, como se fai co español. Para a Xunta, o galego segue a ser de segunda.

Comentarios