Opinión

Linguas e igualdade

[Xesús M. Piñeiro]

Compostela é estes días a capital para os máis de 40 millóns de falantes de linguas ‘minoritarias’ ou ‘rexionais’ que hai en Europa. Un tecido humano e social que quer construír unha Europea de igualdade entre as linguas.

O Museo do Pobo Galego acolle a Asamblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN). A Rede ten como obxectivo a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, nacional, estatal, europeo e internacional. Representa 47 comunidades lingüísticas con 168 entidades de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO.

A presenza na Galiza é un recoñecemento ao traballo desenvolvido polas organizacións e entidades en defensa da lingua galega, nomeadamente A Mesa, así como unha oportunidade para ver de primeira man como na defensa do idioma propio, de todos e todas, que é o galego, a sociedade vai moi por diante dunhas institucións que demasiadas veces fan o camiño inverso.

Comentarios