Opinión

Lingua e relixión

[Xoán Costa]

En todos os anos do goberno Feixoo Galiza non acadou ningunha nova transferencia. Niso o PP de Feixoo está moi lonxe do PP de Fraga, que presumía de autonomista e das 52 competencias transferidas. Con Feixoo, nengunha; mais ben houbo recentralización.

E niso, na recentralización, axuda moito o PSOE. O derradeiro exemplo, as novas cargas horarias que o Ministerio de Educación e Formación Profesional fai públicas para aplicar o próximo curso no ensino primario: máis español e máis relixión. A lingua española convértese na materia de máis peso para o alumnado de 6 a 12 anos e a relixión, que tiña asignada como mínimo unha sesión semanal de 45 minutos, pasa a ter obrigatoriamente unha hora á semana a partir do próximo curso. Iso é o mínimo, pois é sabido que, no caso da Galiza, o ministerio só fixa o 50% da carga horaria. O resto, é cousa da Galiza. E xa sabemos da querencia polo español e pola relixión do Goberno galego, co seu presidente á fronte. Nesta cruzada, que Deus nos colla confesados!

Comentarios