Opinión

Leituras do 25S

Unha primeira leitura do 25S é que, con efeito, a maioría apostou na continuidade. A segunda leitura é que as ofertas da oposición non reuniron suficiente consenso social para se abriren paso. A Galiza satisfeita é neste momento, e no plano estritamente eleitoral, maioritaria face a Galiza crítica ou rebelde. Non é ningunha novidade, a correlación actual de forzas vénse dando desde no mínimo as eleccións galegas de 2012 e, embora iso fose modulado nas europeas de 2014 e nas municipais de 2015, a tendencia voltou a se confirmar nas dúas voltas recentes das eleccións ao Parlamento español.

A Galiza satisfeita é neste momento, e no plano estritamente eleitoral, maioritaria face a Galiza crítica ou rebelde

O país real é este e non é outro. Un de cada dous votantes optou por dar un aval de catro anos máis a Feijóo. A campaña do PP foi moi eficaz se a analisarmos desde a mercadotecnia. Ben pertrechado polo seu dominio dos meios de comunicación de masas, Feijóo só pasou apuros no debate do 12 de setembro. Naturalmente non concedeu máis opcións do que esa.

A direita na Galiza está nas súas estatísticas de sempre, á beira do 50 por cento do corpo eleitoral. Son números non privativos do noso país, así que é inútil martirizarse. O Madrid de Aguirre ou a Valéncia de Barberá, tan recentes, tiñan percentaxes de respaldo ás políticas conservadores tan masivos como os que os que se rexistan na nosa terra. Mais nunca a opinión progre española se referiu con desprezo a Madrid ou Valéncia cando votaban direita. En troca, si que se dirixiron a Galiza con desdén e cun ar de superioridade moral no que, a pouco que rabuñemos, atoparemos o racismo anti-galego tan propio da mentalidade mesetaria desde tempos inmemoriais.

Mais nunca a opinión progre española se referiu con desprezo a Madrid ou Valéncia cando votaban direita

Xa sabemos como vai gobernar o PP Galiza os próximos catro anos. A incógnita está en que fará distinto a oposición para armar unha alternativa. Quen máis o ten claro é o novo BNG de Ana Pontón, reforzado pola emerxencia da súa líder e pola súa recén conquistada cohesión interna. PSdeG e En Marea -aquela en plena treboada coa sorte de Leiceaga ligada a de Sánchez, esta última cuestionada por voces moi cualificadas de Podemos- teñen por diante esclarecérense un chisco.

Comentarios