Opinión

Lavado de cara

[Alberte Mera]

A ultradereita avanza en Europa reforzándose a cada proceso electoral. A súa suba en apoios nas eleccións do domingo en Francia é a última constancia dun feito que desde as forzas democráticas á dereita enxérgase de maneira diferente no PP do Estado español que no resto de formacións conservadoras europeas. Na noite electoral portuguesa do pasado 30 de xaneiro os candidatos da dereita fixeron o baleiro aos ultras do Chega e en Francia levan anos aplicando ese cordón sanitario. Porén, no Estado español, non hai na dereita precaucións con Vox, e menos desde a chegada do presidente da Xunta da Galiza a Xénova. Se a pasada semana Feixoo aseguraba que Vox é un partido democrático porque está no Congreso (o Partido Nazi obtivo 230 escanos en 1932) onte escoitábase o candidato do PP en Castela e León facer louvas a Vox. Preocupa esta senda da moderación de Feixoo. Os medios estatais situaron estes días o presidente galego como exemplo para recuperar votantes de Vox no PP, xa que na Galiza non obtiveron nunca representación. Ora ben, co lavado de cara que Feixoo está a facer estes días a Vox parece máis ben que se na Galiza Vox non saca resultados é por obra e graza do pobo galego, afastado de ideas de tan fondo odio e negación da Galiza. Esperemos que así sexa por moitos anos máis.

Comentarios