Opinión

Isabel

[Xoán Costa]

O Presidente da Xunta declarou en Ordes sentirse orgulloso de seren os madrileños os que puxeron en valor Isabel Zendal. Fíxoo perante a Presidenta de Madrid que aproveitou para explicar como lle chegou a inspiración para denominar un hospital madrileño co nome da reitora do orfanato do Hospital de Caridade da Coruña, ubicado no solar onde hoxe está o Instituto de Zalaeta, e onde se levaba anos investigando na loita contra a varíola, especialmente por parte do médico Vicente Antonio Pose, con quen Isabel Zendal traballaba e colaboraba. É ese traballo (que tivo como resultado que Pose administrase a primeira vacina na Coruña o 16 de agosto de 1801 na "criatura que máis amaba", un neno de cinco meses que era o seu neto) o que explica por que Balmis, na altura considerado a máxima autoridade na materia, elixiu A Coruña.

Nada teño en contra de que o Presidente da Xunta se sinta orgulloso de que en calquera parte do mundo se recoñeza o traballo de galegas e galegos. O verdadeiramente lamentábel é que ese traballo non se recoñeza na propia Terra.

Comentarios