Opinión

Invisíbeis

[María Obelleiro]

O suicidio representa un grave problema na Galiza. As persoas profesionais, ademais de chamar a mellorar a información sobre o suicidio e de apelar a loitar contra o estigma das doenzas de saúde mental, insisten no imprescindíbel reforzamento da sanidade pública. Sensibilizar a través de accións de concienciación resulta básico mais tamén o é mudar a filosofía asistencial predominante e o modelo bioloxicista, pois os factores socioeconómicos están na base do malestar: desigualdade de xénero, violencia e discriminación, precarización e pobreza...

Dotar o Sergas de recursos e medios suficientes en materia de saúde mental é unha das chaves, sobre todo tendo coñecemento dos estragos do confinamento e de que este tipo de enfermidades aumentou durante a pandemia. Unha sociedade responsábel non pode permitir que se tarde até un ano en conseguir unha cita con Psiquiatría. Non é só unha cuestión de dereito á saúde, éo tamén de dereito á dignidade de persoas que o sistema trata como invisíbeis.

Comentarios