Opinión

Investir en paz

[Alberte Mera]

Investir en paz é destinar recursos públicos á cooperación e axuda internacional, a un desenvolvemento igualitario no mundo, ao benestar, á prosperidade, á xustiza social, á sanidade, a facer da vacina da Covid -e de todas as vacinas- un ben de acceso universal e gratuíto, é reforzar os coidados, a educación en igualdade e valores, apoiar a investigación e a ciencia, coidar o medio e reverter o cambio climático, facer que a auga non se converta en artigo de luxo e atallar a fame, cando ademais a auga e escaseza de alimentos son sinalados como posíbeis causas das guerras do futuro. 

Estes son algúns exemplos do que sería investir en paz. Nunca o será o gasto militarista. Porén, onte escoitamos a ministra española Margarita Robles afirmar que "investir en Defensa é investir en paz". E fíxoo aludindo aos 13.000 millóns que nos últimos tres anos gastou o Estado en "novos programas de armamaento" e no mesmo día en que Pedro Sánchez prometeu que o Estado español alcanzará 2% do investimento militar acordado polos Estados da OTAN, cando o gasto en I+D non chega a 1,5% e tendo en conta que parte deste está destinado á innovación militar. Ministra, investir en paz, é investir en paz e non é destinar os cartos da poboación a armas nin a guerras.

Comentarios