xoves 03/12/20

Intervención

[Xesús M. Piñeiro]
 
Os poderes públicos teñen responsabilidades máis alá da xestión diaria. A responsabilidade, por exemplo,  de defender o emprego e a saúde dos cidadáns e cidadás aínda que iso implique dar pasos afastados do ADN político de quen nos goberna aquí e agora. “Intervención” é unha palabra que traballadores de Alcoa e comarca da Mariña erguen hoxe máis ca nunca fronte á chantaxe da multinacional estadounidense, teimuda no seu plan de despedir persoal e liscar sen máis.

“Intervención” é tamén a palabra que familiares de usuarias e traballadoras de residencias privadas poñen sobre a mesa. “Non o fagan só cando se coñece que nelas hai contaxios masivos”, pedíalle a deputada nacionalista Olalla Rodil á conselleira Fabiola García. A Xunta entregou a atención das persoas maiores ás empresas privadas. Galiza dispón de 21.000 prazas nos centros de maiores, 77% delas de xestión privada e 23% de xestión pública, porcentaxe moi por baixo da media estatal.
Dous exemplos de “intervención”, dúas demandas da cidadanía fronte a irresponsabilidade de non actuar.

comentarios