Opinión

Incontinencia

[María Obelleiro]

Publicamos neste número os resultados dun estudo que di que unha de cada dúas mulleres sofre incontinencia urinaria, cifra que mostra o grande impacto dun problema de saúde que afecta á calidade de vida e á autonomía. Estamos perante un fenómeno tabú, infradiagnosticado e infratratado. Malia que afecta 50% das mulleres, non se adoptaron medidas na práctica clínica para reverter o silenciamento da incontinencia nin a falta de acceso ao tratamento do solo pélvico con fisioterapia.

A falta de perspectiva de xénero -maioritaria- na atención clínica e as normas sociais e culturais a respecto da incontinencia son chaves dunha realidade que volven evidenciar a necesidade dos estudos feministas. Tanto a investigación como a docencia ollaron as mulleres como se fosen homes, cun claro androcentrismo médico que segue vixente a día de hoxe. Unha cardióloga dos EUA demostrou en 1991 que moitas mulleres morrían por infarto nos hospitais porque os síntomas sempre foran estudados nos homes e eran distintos no caso das mulleres.

Comentarios