Opinión

Imprensa en galego: case todo por facer

Neste Sermos222 rendemos tributo ao centenario de A Nosa Terra, o boletín das Irmandades da Fala, coa publicación en facsímile do número 1 da histórica cabeceira. É a primeira vez que se publica íntegra a entrega inaugural do primeiro xornal xenuínamente galego e en galego e permítenos unha viaxe no tempo a un país que en 1916 tiña, no esencial, exactamente o mesmo problema que ten en 2016: a ausencia de institucións de autogoberno soberanas, a dependencia do Estado español, a falta de espazos para o libre desenvolvimento da súa economía, a súa lingua, a súa cultura.

Cen anos despois do aparecimento de A Nosa Terra, fica moito por facer. Estamos aínda moi lonxe da normalización da nosa lingua nun ámbito social tan simbólico como é a imprensa en papel. No conxunto da Península somos a única nación que carece dun xornal diario impreso na súa lingua propia e Sermos -que é un proxecto que non ten vocación de ser unha voz no deserto e si vontade de ir alargando progresivamente o espazo galego de comunicación- é hoxe o único semanario que se edita no país no noso idioma. Non é concebíbel alcanzar a normalidade nacional mentres esta anomalía non se subsanar.

No conxunto da Península somos a única nación que carece dun xornal diario impreso na súa lingua propia

Non sería xusto, porén, dicermos que estamos como en 1916. Hai hoxe máis conciencia nacional do que daquela. O século non pasou debalde, como tampouco foi estéril o activismo de miles de galegas e de galegos a prol dos nosos dereitos colectivos, entre eles o dereito a termos meios de comunicación propios. Non é casual que Feijóo na investidura se cualificase como "militante da Galiza". Con independencia de que a súa práctica desminta esa autodefinición, o que dela se infire é que o poder ten claro que a maioría social agarda un compromiso real das forzas políticas coa defensa dos intereses galegos, por empregarmos o lema desta cabeceira.

Nese sentido, en 2016 como en 1916 un dos intereses da Galiza máis prementes é o de dispormos de meios de comunicación que merezan o cualificativo de galegos. Nesa causa milita Sermos Galiza.

Comentarios