Opinión

Imposíbel

[Alberte Mera]

Se hai un titular que estes días se está a repetir cada pouco é ese que nos fala dun novo récord de prezos da gasolina e do gasóleo. Récord tras récord, encher o depósito significa hoxe baleirar o peto, nun país con serias deficiencias de transporte público e onde o coche privado continúa a ser aínda preciso para milleiros de galegas e galegos para transportarse para ir traballar, levar as crianzas á escola ou ir mercar alimentos ou medicamentos.

mposíbel é para moita poboación deste país pronunciar “cheo” cando acode á gasolineira. O prezo medio da gasolina e do gasóleo rexistrou esta semana ese outro novo récord histórico, consolidándose por riba dos dous euros o litro e deixou sen efecto xa a subvención de 20 céntimos por litro que aprobara o Goberno español e entrara en vigor a 1 de abril. 

O Executivo ten previsto hoxe prorrogar as medidas que tomou ante a crise até finais de ano. Como amosa o feito sinalado -a absorción do desconto dos carburantes pola alza de prezos-, as medidas son insuficientes para desafogar milleiros de galegas e galegos. Tomen, por favor, medidas efectivas, interveñan o prezo da luz e dos bens de primeira necesidade que son hoxe imposíbeis de custear para moitas persoas. Valentía.

Comentarios