Opinión

Imaxes, palabras e feitos

[María Obelleiro]

Hai imaxes que valen máis que 1.000 palabras. A foto de Alberto Núñez Feixoo co presidente de Iberdrola, Ignacio Sánchez Galán, é unha delas. Tirada o mesmo día da primeira toma de posesión do mandatario galego, en 2009, é un síntoma da política enerxética do Goberno galego nestes 13 últimos anos. Unha política enerxética claramente beneficiosa para as grandes multinacionais eléctricas, mais que implicou unha grave agresión para o ecosistema e o patrimonio do país e un evidente espolio económico.

Os vindeiros días continuaremos repasando a xestión de Núñez Feixoo a través de diferentes imaxes que definen o programa do Goberno do Partido Popular. A maior parte delas son coñecidas, mais foron ocultadas por grandes medios de comunicación co fin de transmitir unha visión de Feixoo a medida dos seus intereses electorais. Aquela que tentou construír a imaxe dun xestor de vocación tecnocrática onde había unha folla de ruta neoliberal ao servizo dos grandes poderes económicos.

Marcha Feixoo, cuxa cabeza e corazón sempre estivo en Madrid, mais quedan os seus feitos, as súas palabras e unhas imaxes que retratan a verdadeira faciana do personaxe.

Comentarios