Opinión

I+D+i e proxecto de país

Os dados que ofrecemos no Tema da Semana deste Sermos Galiza número 179 en relación á evolución das magnitudes do I+D+i


Os dados que ofrecemos no Tema da Semana deste Sermos Galiza número 179 en relación á evolución das magnitudes do I+D+i no noso país son extremadamente preocupantes e mostran até que ponto a Administración galega dista moito de ser un factor positivo á hora de abrir novas vías para a economía galega e de desenvolver o noso tecido produtivo. Desde 2010 desapareceron por volta de 1.400 investigadores no noso país. En 2008 Galiza era o sétimo territorio por investimento no Estado español. En 2015 estamos na décima posición. Máis alá da retórica este é o balanzo do Goberno Feijóo nunha materia chave para a modernización da nosa economía.

En 2008 Galiza era o sétimo territorio por investimento no Estado español. En 2015 estamos na décima posición

Somos da opinión de que Galiza ten un enorme potencial de desenvolvemento se alía a mudanza do paradigma económico -que, embora a crise, continúa enfeudado á ensoñación de que alén da construción e o turismo non hai futuro- co desenvolvemento dos sectores produtivos. Hai que investir moito máis no I+D+i, até encher a fenda que nos separa do Estado e da UE, mais haino que facer a partir da identificación dos sectores estratéxicos da economía. É importante dedicar máis recursos, mais é tanto sabermos onde os temos que aplicar, que queremos producir, en que nos queremos especializar.

Todo isto remite para unha cuestión elemental: fai falta un goberno cun proxecto de país, que aposte no progreso técnico e científico, claro, mais que o faga a partir dunha realidade material concreta e da existencia dun marco socio-político, o da dependencia da Galiza, que cómpre superar.

Comentarios