Opinión

Hai alguén na Consellaría?

[Alberte Mera]

O conflito entre bateeiros e percebeiros estase a prolongar no tempo sen que a Consellaría do Mar dea pasos en firme para solucionalo. Ambos os sectores defenden o seu medio de vida con toda a forza coa que as galegas e os galegos sabemos defender os nosos dereitos, traballo, terra e mar. Mais curiosamente, no que en maior medida coinciden ambos os sectores enfrontados é en que a Consellaría de Mar e o Goberno galego crearon e prexudicaron o conflito e agora desenténdese del. 28 asociacións de mexilloeiros urxían onte unha "solución xa" debido a que "miles de explotacións están en perigo" polo conflito derivado da falta de semente para o cultivo.

Mais lonxe de fomentar o diálogo e sentar a falar, a resposta contra os traballadores e traballadoras do mar vímola onte con cargas policiais, persoas feridas e dúas detencións. O conflito pode ter difícil solución, ambas as partes teñen argumentos solventes e convincentes, pero nas adversidades é onde un Goberno debe saber mediar, facer chegar a acordos e retomar a calma. As cargas policiais e as porras contra mexilloeiras e mexilloeiros son unha imaxe lamentábel e doe ver maltratados a quen se ergue cada mañá para que os seus e outros poidan comer. Se hai alguén ao volante na Consellaría do Mar, senten e falen con bateeiros e percebeiros.

Comentarios