Opinión

Guerra e gas

[María Obelleiro]

Se hai un actor que sae favorecido da guerra en Ucraína e da submisión do Goberno de Pedro Sánchez a Marrocos son os Estados Unidos de América, que multiplicaron por seis a venda de gas ao Estado español. Como informamos nestas páxinas, os EUA son, agora, o principal provedor de gas natural do Estado español, por riba de Alxeria, que representaba case a metade do subministro o ano pasado.

O presidente estadounidense, Joe Biden, non agochou as súas intencións desde o inicio da invasión rusa: reducir a dependencia mundial do gas procedente de Rusia -maior exportador de gas natural e segundo exportador de petróleo- para reforzar o envío de gas dos EUA á UE. E no Estado español están a conseguilo: De representar menos do 1% en 2018, o gas natural procedente dos EUA xa se achega neste 2022 a 37%. Unha porcentaxe que seguirá a aumentar tendo en conta que Alxeria vén de converter Italia no seu gran socio europeo na venda do gas, en detrimento do Estado español.

A billa do petróleo segue a correr para aproveitar os altos prezos, motivo polo que os EUA liberaron 180 millóns de barrís de petróleo das súas reservas enerxéticas. As empresas do sector están disparadas en bolsa. Só no que vai de ano, os fondos de enerxía estadounidenses creceron un 32%. E crecerán máis á conta da guerra.

Comentarios