Opinión

Gobernar para os ricos

[Alberte Mera]

Ayuso, Juanma, Feixoo... trazan os destinos da Galiza, semella. Se os primeiros anuncian a rebaixa do imposto sobre o patrimonio, o segundo di que está moi mal "perseguir a riqueza". Feitos: Alfonso Rueda anunciou onte que rebaixará o imposto sobre o patrimonio a 50%, unha taxa destinada a gravar as grandes fortunas. E di Feixoo que hai que deixarse de lerias, que o importante é rematar coa pobreza e non perseguir os ricos. E como, señor ex presidente da Galiza, acabar coa pobreza sen un sistema impositivo progresivo? Acaso a solución é, como fixo recentemente o seu sucesor na Xunta, eliminar a Tarxeta Básica? Unha tarxeta que achegaba a 35.000 familias vulnerábeis na Galiza unha axuda económica para a compra de produtos básicos de alimentación, hixiene e farmacia.

Desde logo, non hai momento máis cruel para eliminar a Tarxeta Básica que este verán, coa inflación disparada na Galiza -cun dato maior que no Estado [0,5%]- e coa crise de prezos asfixiando as maiorías sociais. Reiteran Feixoo e Rueda que o PP é o partido que máis se parece á Galiza, pois oxalá as súas políticas de facenda se parecesen á maioría da súa poboación, ás traballadoras e aos traballadores, ao estudantado e ás pesionistas, e non tanto a Amancio Ortega e á minoría de grandes fortunas.

Comentarios