Opinión

Gobernar coa seca

[Xoán Costa]

Xa pasaron os cen días desde que Afonso Rueda accedeu á Presidencia do PP e á da Xunta. Nese período na Galiza todo foi á baixa: baixou o emprego, minguou o poder adquisitivo, diminuíu o número de docentes, mesmo mermou o caudal de auga dos ríos. E cal é responsabilidade do señor Rueda e o seu goberno en todo isto? No emprego, na xestión educativa e na inflación, moita, acumulada nos derradeiros trece anos; no da chuva, menos, claro, pois non depende del que chova. Houbo tempos en que a chuva formaba parte da política, como naquel “Anque chova vota” do 21 de decembro de 1980 en que a Galiza se abstivo de votar o Estatuto, e iso que non choveu nada ese día, mais igual a xente entendeu que non había nada que votar. O Parlamento derivado daquel Estatuto retomará a actividade a próxima semana, após o período de estiaxe. Nas súas intervencións, con certeza, Rueda e os seus conselleiros verán gromos verdes na súa leira e só palla seca na dos demais. O propio dun goberno atrapado na seca. De ideas e políticas, non climática.

Comentarios