Opinión

Gaza

[Xesús M. Piñeiro]

Sobre Gaza está xa todo escrito, como está todo filmado, todo radiado,  todo fotografado. O destes días, un dos exércitos máis poderosos do mundo a bombardear obxectivos civís sen preocupación nin medo a consecuencia algunha, xa o vivimos hai dous anos e hai seis e hai... A dinámica dunha “potencia ocupante” – Israel, segundo cualificación da ONU, non de Hamas – que se sabe e se sinte impune cóntase en baixas de vidas palestinas: ducias, centos, miles ao longo dos anos.

Non hai nada novo no bombardeo israelí da Franxa de Gaza. Nin a tecnoloxía militar punteira a se exhibir con grosaría contra edificios civís, escolas, centros de saúde. Nin o apoio de EUA e a covardía da UE. Tampouco hai nada novo naquilo que escribira Bertolt Brecht moito antes do conflito palestino mais que semella escrito ex profeso para o conflito palestino: “Quen non se decata, é un imbécil. Quen se decata, e non actúa, un criminal”. 

Na tarde da vindeira terza feira, día 18, hai convocadas concentracións en solidariedade con Palestina en cidades e vilas galegas. Nin imbéciles nin criminais.

Comentarios