Opinión

Galiza e as rúas do mundo

[Alberte Mera]

Mobilizacións populares están a dar a volta ao mundo. Mentres en Lima protestan  fronte á oligarquía e soportan a represión policial, en Europa xorden protestas contra o empobrecemento derivado da alza de prezos e contra os recortes nos servizos públicos.

Ao persoal ferroviario que vén de estar en folga no Reino Unido súmaselle o das ambulancias e a enfermaría, ante o colapso das urxencias. Docentes de Escocia comezaron unha folga de tres semanas para exixir mellores salarios. A resposta de Rishi Sunak: "ser responsábeis á hora de fixar os salarios do sector público" para "non aumentar" a inflación.

Nos últimos días milleiros saíron ás rúas de Francia na folga contra a reforma das pensións e suba da idade mínima de xubilación aos 64 anos. Na Galiza, A Mariña protagonizou a semana pasada unha gran manifestación contra o "desmantelamento" da sanidade pública, na liña da que SOS ten convocada en Compostela para o 12 de febreiro, agora tamén, contra "ocorrencia" da Xunta de paliar o seu recorte de persoal cos MIR -que, por certo, denunciou o Colexio Médico que na Galiza 92% de MIR fan máis horas das permitidas-.

Aliás, o carácter galego amosa que a mobilización serve: Galiza é o territorio do Estado onde máis medraron os salarios en 2022 (+4,83%) ao tempo que está á cabeza en número de mobilizacións ao ano.

Comentarios