Opinión

Galiza Mártir

[Xesús M. Piñeiro]

O exilio galego en Bos Aires foi quen instituíu en 1942, nun  mundo baixo a gadoupa do fascismo e do nazismo, o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir, escollendo a data do asasinato na Caeira de Alexandre Bóveda para lembrar e honrar todos e todas as asasinadas e represaliadas pola barbarie fascista.

Sería en Pontevedra, no cemiterio de Santo Amaro en que foi enterrado Alexandre Bóveda, onde se realizaría en 1977 – morto Franco- o primeiro acto público na Galiza do Día da Galiza Mártir. Haberá que agardar a  2006 – derrotado Fraga- para que o Parlamento galego aprobe unha iniciativa que lle daría carta institucional á conmemoración.

Hoxe, en pleno século XXI, cunha pandemia que impacta en todos os campos da vida e altera normalidades, e cunha extrema dereita que se sente forte e que se mostra xa sen máscara como non o facía desde hai 4 décadas;  unha data como o Día da Galiza Mártir cobra aínda maior actualidade. A que atesoura de manter viva unha liña da memoria necesaria entre xeracións e a que nace do seu compromiso coa vixencia e dignidade de valores como os que encarnou Bóveda e tantos outros asasinados por non comungar co terror.

Comentarios