Opinión

Galiza, á cabeza

[Alberte Mera] 
 

A crise da alza de prezos deixa un panorama pouco esperanzador de cara aos vindeiros meses, xeneralizado? Si, desde logo, pero nalgúns pobos impacta de maneira distinta que noutros. O galego, mais unha vez, vai á cabeza. Así, se onte coñeciamos que os países que teñen o euro como moeda alcanzaban unha cifra récord de inflación, superando 9% no mes de agosto, esta deixa Galiza moi por riba, con 11%.

E non fica a Galiza nos primeiros postos da zona euro, senón que tamén está á cabeza do Estado, onde a inflación subira no mesmo mes a 10,5%. E todo nun país excedentario de enerxía, con recursos para producir e vivir, mais que doutra volta sofre vetos impostos. Hoxe son os 87 caladoiros de pesca de arrastre vetados en augas comunitarias do Atlántico Nororiental e que afectarán un de cada catro barcos da frota pesqueira galega. Unha noticia que chega en momentos de crise inflacionista, ao que se une outro dato pouco esperanzador, e é que o soldo medio na Galiza está 234 euros por baixo da media do salario estatal. Este diferencial de 12% pon de novo o país entre os territorios onde máis se traballa e menos se gaña. Galiza, á cabeza da crise, mais sería mellor para pronto unha Galiza á cabeza dun futuro que traia esperanza e igualdade

Comentarios