Opinión

Funerais de Estado

[María Obelleiro]

A pasada segunda feira recibimos con estupor a noticia que daba conta de 109 novos casos de coronavirus, así de súpeto, na residencia de Outeiro de Rei. Volve o pesadelo. O que nun primeiro momento podería aducirse á falta de tempo, de medios e de experiencia e á improvisación agora só pode achacarse ao desleixo das empresas e da Administración pública coas competencias na materia: a Xunta da Galiza. 

Por que non fixeron os deberes cando era obvio que ían xurdir surtos tamén nos centros residenciais? Semella que "os nosos maiores" -con ese posesivo que infantiliza e semella furtar de dereitos as e os anciáns- son cidadáns de segunda. Sabendo que o da terceira idade é o colectivo máis vulnerábel ante a Covid-19, non se adoptan medidas eficaces. Todo se soluciona cun funeral de Estado, con lazos negros e con flores. Ao igual que cómpre apagar os incendios durante o inverno, coa roza e limpeza dos montes e con plans multifuncionais, polos maiores hai que loitar agora e non choralos unha vez mortos.

Comentarios