Opinión

A foto de Sánchez e Ayuso

[Xoán Costa]

Hai uns días, o profesor de Teoría da Comunicación Sebastià Serrano falaba nunha entrevista das modificacións que a pandemia estaba a provocar na linguaxe non verbal, tan importante para a comunicación humana. Ocultas detrás da máscara fican as expresións de alegría, tristeza e demais estados de ánimo que somos capaces de transmitir. Días despois, algúns científicos chegaron a afirmar que a pandemia se detería definitivamente se toda a humanidade ficase calada durante dous meses, cando, na realidade, unha boa parte da humanidade leva calada desde sempre.
As máscaras ocultan parte da expresividade facial mais novos signos van aparecendo ou evoluíndo.

É o caso de levar a man ao peito esquerdo, símbolo de amor patrio agora mudado para fórmula de saúdo. Mais ollo, que isto pode derivar en imaxes ben curiosas como a do presidente Sánchez, en imaxe publicada neste medio, coa man ao peito e a cabeza baixa perante a presidenta Ayuso, nun xesto ben polisémico: saúda a presidenta, as bandeiras ou promete lealdade a Madrid, sinécdoque de España? Vostedes dirán.

Comentarios